Pasou un ano dende a toma de posesión do novo conselleiro e o seu equipo do PP.
Se algo hai que lles recoñecer é que non acougaron un momento dende a súa toma de posesión; visto dende aquí quizás fose mellor que optasen pola tranquilidade e a reflexión antes de perpetraren certos excesos e de provocaren conflitos innecesarios.
Ese afán diferencialista levounos a desmantelar un sistema universal de libros de texto gratuítos no ensino obrigatorio e a disfrazalo dunha suposta solidariedade, que logrou pór en contra aos pais, profesores…
O conselleiro sobe ao carro da eficacia apoiándose na gran capacidade de decretos e normas aprobados, esquecendo dar o dato de cantos deles gozaron do consenso dos afectados durante este ano movido, das abundantes conferencias de prensa, concentracións, recollidas de sinaturas... Realmente a súa eficacia tradúcese nun bo acordo bianual asinado con CCOO para garantir a sensatez á hora de agrupar alumnado e a actualización do acordo de interinos.
Remata este curso con dúas importantes frontes abertas: a do incumprimento dos acordos salariais, de recolocación e de paga de antigüidade asinados na Comisión Tripartita do Ensino Concertado e o peche de oito comedores escolares en Lugo e Ourense.
En resumo, de pouco ten que se felicitar este goberno pola súa xestión en materia educativa. Nestes momentos de crise económica, cando todos coincidimos en que o investimento en educación de calidade é clave para saír fortalecidos destes malos momentos, esta Consellería adica os seus esforzos á propaganda partidista e aos efectos especiais, mentres somos unha das sete comunidades autónomas que este ano reducen o investimento en gasto educativo.
6 may 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario