6 may 2010

UN ANO DE XESTIÓN CONFLITIVO

Pasou un ano dende a toma de posesión do novo conselleiro e o seu equipo do PP.
Se algo hai que lles recoñecer é que non acougaron un momento dende a súa toma de posesión; visto dende aquí quizás fose mellor que optasen pola tranquilidade e a reflexión antes de perpetraren certos excesos e de provocaren conflitos innecesarios.
Ese afán diferencialista levounos a desmantelar un sistema universal de libros de texto gratuítos no ensino obrigatorio e a disfrazalo dunha suposta solidariedade, que logrou pór en contra aos pais, profesores…
O conselleiro sobe ao carro da eficacia apoiándose na gran capacidade de decretos e normas aprobados, esquecendo dar o dato de cantos deles gozaron do consenso dos afectados durante este ano movido, das abundantes conferencias de prensa, concentracións, recollidas de sinaturas... Realmente a súa eficacia tradúcese nun bo acordo bianual asinado con CCOO para garantir a sensatez á hora de agrupar alumnado e a actualización do acordo de interinos.
Remata este curso con dúas importantes frontes abertas: a do incumprimento dos acordos salariais, de recolocación e de paga de antigüidade asinados na Comisión Tripartita do Ensino Concertado e o peche de oito comedores escolares en Lugo e Ourense.
En resumo, de pouco ten que se felicitar este goberno pola súa xestión en materia educativa. Nestes momentos de crise económica, cando todos coincidimos en que o investimento en educación de calidade é clave para saír fortalecidos destes malos momentos, esta Consellería adica os seus esforzos á propaganda partidista e aos efectos especiais, mentres somos unha das sete comunidades autónomas que este ano reducen o investimento en gasto educativo.

1 mar 2010

A XUBILACIÓN AOS 67, UNHA MEDIDA EXTREMA E INNECESARIA

A proposta do Goberno de atraso obrigatorio da idade de xubilación aos 67 anos é unha medida que nos parece moi agresiva, extrema e innecesaria. Por iso participamos nas manifestacións do 2 de marzo nas principales cidades galegas en contra do atraso na idade de xubilación. Pretendemos visibilizar a nosa rotunda oposición a tal medida e explicar as nosas propostas e alternativas en materia de pensións.
As nosas alternativas van desde reforzar os mecanismos voluntarios de xubilación gradual e flexible, tanto para anticipar como para atrasar a idade de xubilación, ata a separación de fontes para que se deixe de pagar coas cotizacións os gastos de estructura da Seguridade Social. Sen esquecer outras medidas que contribuirían a mellorar os ingresos, como o incremento do Salario Mínimo Interprofesional, que elevaría a base mínima de cotización, e rematar co fraude na contratación temporal, dando maior estabilidade aos empregados e reforzando a sostenibilidade do sistema de pensións.
O que o Goberno debería facer é centrarse en cumplir os Acordos de Pensións de 2006. Aínda están pendentes de pecharse os acordos sobre a integración no Réxime Xeral da Seguridade Social de rexímenes especiais como o de empregadas de fogar ou o de traballadores agrarios ou a aplicación de coeficientes reductores da idade de xubilación para os traballos especialmente penosos, tóxicos e perigosos.

25 ene 2010

O PODER DAS URNAS

Na prensa dos últimos días, Feijóo insiste en que os resultados electorais de marzo son os que xustifican o seu autoritarismo á hora de impoñer unha política lingüística. Eu non estou de acordo en que unha maioría absoluta silencie o clamor dos miles de manifestantes que o día 21 percorrimos as rúas de Santiago POLO GALEGO NO ENSINO, ou dos que fixemos folga para reafirmar o decreto aprobado por consenso no 2007. Pero se o señor Feijóo quere razoar co seu programa electoral na man eu pregúntolle:
...onde está o investimento en servizos complementarios?
...onde están as rateos para infantil?
...onde está a promoción das linguas estranxeiras?
...onde están as facilidades ás familias?
...onde está a profesionalización dos docentes?

Ao longo destes meses, e coa colaboración do conselleiro de Educación, foi respondendo do seguinte xeito:
...reducción de persoal laboral nos comedores escolares,
...intento de impoñer criterios de agrupamento ilóxicos,
...reducción de horas de conversación nas Escolas Oficiais de Idiomas,
...eliminación da gratuidade universal dos libros de texto,
...reducción drástica de investimento na formación de docentes.

O poder das urnas según lle convén, non si?

17 ene 2010

IMOS Á FOLGA PORQUE...

As bases do sindicalismo de CCOO son ACCIÓN e NEGOCIACIÓN.
Esgotar as vías de negociación é sempre o noso camiño cara a sinatura de acordos que melloren as condicións laborais das traballadoras e dos traballadores do ensino.
Pero ante as bases do decreto do plurilingüismo presentadas o día 30 de decembro pola Consellería de Educación e a pasividade amosada cara o establecemento dun calendario oficial de negociacións, CCOO-Ensino sumámonos á folga do 21 de xaneiro.
Así, animamos a todo o profesorado do ensino público á folga coa intención de que este goberno, que leva con imposicións dende que chegou á Xunta, véxase na obriga de convocar oficialmente ás organizacións sindicais á negociación dun decreto que, cando menos, acade o mesmo consenso que o vixente na actualidade e que pretenden agora derogar.
Deixémonos de xogar coa calidade do ensino e sexamos realistas. Traballemos pola defensa e promoción do galego como lingua cooficial xunto ao castelán con medidas de normalización lingüística ás que un goberno galego está obrigado por lei.
POLO GALEGO NO ENSINO, O GALEGO É PATRIMONIO DE TODOS E TODAS!